Wednesday 08 de May de 2024

O Concello de Fene ampliará o saneamento aos lugares da Lagarteira e Rañoa, en Sillobre


As empresas interesadas no proxecto teñen até o 11 de abril para presentar as súas ofertas sobre un prezo lixeiramente superior aos 149.000 euros

As obras fináncianse con fondos municipais e pretenden dárlle resposta a unha demanda histórica da parroquia

O Perfil de Contratante do Concello de Fene ten publicado desde hai días o procedemento de contratación das obras que permitirán levar o saneamento municipal aos lugares de Rañoa e da costa da Lagarteira, en Sillobre, con idea de conectalo á rede principal que chega neste momento ao núcleo de Orra. O investimento está cuantificado en 149.091,32 euros, IVE incluído, e as empresas teñen de prazo até o 11 de abril para achegaren as súas ofertas. A actuación forma parte do programa municipal de ampliación dos servizos básicos no rural. Neste caso concreto trátase dun proxecto demandado pola veciñanza da zona que o Concello tiña planeado desde hai varios anos e que, ao final -e tras varias vicisitudes-, volve entrar na fase de licitación pública.

A obra consistirá no soterrado de case un quilómetro de tubaxes no tramo comprendido entre o lugar da Rañoa -xusto na confluencia coa estrada que sobe a Lavandeira- e o lugar de Orra, onde xa hai rede sanitaria. No traxecto as conducións pasarán tamén pola costa da Lagarteira, de modo que a nova infraestrutura lle dará servizo a unha vintena de domicilios e xa irá suficientemente dimensionada para conectar aqueloutras vivendas que poidan construírse no futuro.

Ademais das conducións, o proxecto da obra tamén contempla a instalación de 27 pozos de rexistro e un equipamento de bombeo que permita salvar o desnivel da zona máis elevada, ante a imposibilidade de que as augas vaian cara ao punto máis baixo por gravidade.

Toda a rede discorrerá pola pista municipal ou pola súa beira, de maneira que non serán necesarias expropiacións. O remate da obra consistirá na reparación do firme.

O anuncio de licitación pública e os pregos administrativos e técnicos publicáronse o pasado 22 de marzo, dándolle ás empresas do sector até o próximo 11 de abril para que acheguen as súas ofertas económicas partindo dun prezo de 149.091,32 euros, impostos incluídos.

O primeiro deseño técnico da obra data de 2015 e, de feito, o Concello incluiuna inicialmente na relación de proxectos do POS+ 2016. Porén, antes de poder levala adiante houbo que agardar a que ENAGAS emitise o correspondente informe sobre a posible incidencia dos traballos no gasoduto que pasa pola zona.

A espera polo informe retrasou o proxecto máis dun ano e impediu cumprir coas prórrogas dadas pola Deputación para a súa licitación e execución. O plan quedou en suspenso e só se lle tocou en 2019 para axeitar as partidas económicas aos prezos de referencia de materiais e man de obra. Logo irrompeu a pandemia e, a finais do ano pasado, coa situación algo máis tranquila, o executivo local recuperou a obra e decidiu levala a cabo con fondos integramente municipais.